Thursday 02 de May de 2024

Aberto o prazo de inscrición para as estadías literarias Latitude 43 e Residencia Cidade da Coruña


Cada un dos programas oferta unha bolsa que cobre o traslado, manutención e aloxamento para a persoa beneficiaria durante a estadía

O programa “Residencia Cidade da Coruña” está dirixido a autores españois de fóra de Galicia mentres que “Latitude 43” é para a escritores de todo o mundo

O Concello da Coruña financia os programas de “Residencia Cidade da Coruña” e “Residencia Latitude 43” para estadías literarias na cidade da Coruña. Esta proposta, integrada no plan de reforzo para o sector cultural que impulsa o Goberno de Inés Rey, ten a finalidade de promocionar a creación literaria en condicións de excelencia na cidade da Coruña, aportando ao beneficiario un contexto e un espazo óptimo para o desenvolvemento do seu talento, coa enteira dedicación a un proxecto de escritura creativa.

En cada un dos programas, convocados pola Asociación Escrita Creativa 1863, ofértaseunha dotación que cobre o traslado, manutención e aloxamento para a persoa beneficiaria da estadía durante un mes. Ademais, a escritora ou escritor que obteña a residencia dun mes na Coruña terá acceso de balde a museos, galerías, bibliotecas, concertos, encontros literarios, obras de teatro e outros eventos culturais, co obxectivo de que dispoña de todas os estímulos posibles para avanzar no seu proxecto. Ademais, a autora ou autor terá a oportunidade de ofrecer un encontro público para amosar a súa obra en Galicia durante o tempo de residencia.

No caso do programa “Latitude 43”, ofértase unha estadía en residencia para autoras e autores de calquera xénero literario, procedencia e idiomas do mundo durante o mes de maio, na Residencia Literaria 1863 da Coruña. Poderá concorrer a ela, de xeito individual, calquera escritora ou escritor maior de dezaoito anos con, como mínimo, dous libros publicados, en todo tipo de xéneros literarios, para calquera idioma do mundo.

En canto ao programa “Residencia Cidade da Coruña”, ofértase unha estadía para autores ou autoras maiores de dezaoito anos que residan en calquera punto do territorio español agás Galicia, e que posúa como mínimo unha obra publicada. A estadía realizarase durante o mes de xuño.

O pasado ano 2022, o xeorxiano Iva Pezuashvili recibiu o Premio Literario da Unión Europea pola súa novela ბუნკერი, cuxo título podería traducirse por “Un vertedoiro de lixo”, escrita na súa meirande parte durante a súa estadía creativa na Residencia Literaria 1863 en 2020. Un importante recoñecemento que pon de manifesto o interese dos programas municipais cos que A Coruña se convirte no lugar de referencia para escritores e escritoras de todo o mundo.

O prazo de inscrición, aberto ata o vindeiro día 10 de marzo

As persoas interesadas en optar a algún dos dous programas de estadía literaria poderán realizar a inscrición remitindo a documentación solicitada, nas bases anexas, ao enderezo de correo electrónico 1863coruna@gmail.com, antes das 22.00 horas do vindeiro día 10 de marzo.